Cluster Audiovisual Galego

A segunda temporada de “O sabor das margaridas”, entre as 10 series máis vistas de Netflix 48 horas despois da súa estrea

05-04-2021

A segunda temporada da serie das socias CTV e TVG O sabor das margaridas estreouse o venres pasado en Netflix e, 48 horas despois, a ficción figura xa no ranking das 10 series máis vistas da plataforma en España, A Arxentina, Grecia, Romanía e O Uruguai, entre outros países.

Estreada na Televisión de Galicia no mes de marzo do ano pasado, a segunda quenda de capítulos da serie chegou esta Semana Santa ao xigante de streaming con algúns meses de atraso respecto á data inicialmente prevista, debido aos desaxustes provocados pola pandemia. Pero a súa estrea vai camiño de seguir o éxito internacional da primeira temporada, xa que foi a primeira produción en galego da plataforma e se situou axiña entre as ficcións máis seguidas en lingua non inglesa dentro do Top 10 do Reino Unido e Irlanda.

Coproducida por TVG, CTV e Comarex, “O sabor das margaridas” é un thriller policial con ADN galego. Comezou a ser emitida en Televisión de Galicia en 2018 e en Netflix en 2019. Na segunda temporada, composta por 6 capítulos de 70 minutos de duración, “O sabor das margaridas” volve cun toque máis urbano, pero seguindo o seu xa recoñecido estilo galician noir.  

Dirixida por Álex Sampayo, conta con guión orixinal de Ghaleb Jaber MartínezEligio Montero e Raquel Arias. O elenco fórmano actores de renome en Galicia, outros que son revelación a nivel nacional e outros emerxentes de ámbito internacional. María MeraSanti Prego, a actriz arxentina Noelia Castaño, ademais de Rebeca StonesSara Sanz e David Seijo, son algúns deles.

A ficción, que foi gravada entre Lugo, Santiago de Compostela e outras localizacións galegas, ten un marcado carácter policial e misterioso e desenvólvese en ambientes nocturnos e sombríos, creados para exaltar a psicoloxía dos personaxes.

“O sabor das margaridas” foi galardoada en 2019 co Premio Mestre Mateo á mellor serie de televisión e recibiu en 2020 o Premio da Cultura Galega no apartado audiovisual.