Cluster Audiovisual Galego

Emilia Pardo Bazán protagonista no Instituto Cervantes, na Universidade de Harvard

29-03-2021

A directora e produtora galega socia do Clúster Zaza Ceballos participou nunha conversa do Instituto Cervantes na Universidade de Harvard, onde se abordou a faceta persoal e profesional da escritora coruñesa Emilia Pardo Bazán e onde se puideron ver tamén escenas da película biográfica sobre a súa figura “Emilia Pardo Bazán, A Condesa Rebelde”.

Con motivo do centenario da morte de Emilia Pardo Bazán (1851-1921) o centro que o Instituto Cervantes ten na Universidade de Harvard, en Estados Unidos, rendeulle unha homenaxe a esta escritora que se atopa entre os grandes nomes das letras do século XIX.

A sesión dedicouse a examinar as loitas, paixóns, persoas e lugares que marcaron a súa traxectoria persoal e literaria mediante unha conversa artellada en torno a esceas da película “Emilia Pardo Bazán, A Condesa Rebelde”, dirixida por Zaza Ceballos.

O evento tivo lugar no Observatorio de la lengua española y las culturas hispánicas en los Estados Unidos, que é un centro de investigación conxunto entre o Instituto Cervantes e a Universidade de Harvard, emprazado no campus de Harvard. Nel ademais de conversar sobre a vida e obra desta intelectual galega tamén se puideron ver escenas da película biográfica sobre a escritora cun posterior coloquio sobre as mesmas. Algúns dos temas que se trataron neste encontro foron o feminismo ou o lugar de Pardo Bazán no mundo literario.

Zaza Ceballos e Francisca Arias

Zaza Ceballos é unha produtora e directora de cine e televisión con máis de 25 anos de experiencia. Na súa produción destacan películas como “Emilia Pardo Bazán, A Condesa Rebelde”, “Concepción Arenal, a visitadora de cárceres” ou “Contou Rosalía” sobre a figura de Rosalía de Castro.

Francisca Arias dedicou a súa tese doutoral en Harvard University a Emilia Pardo Bazán, sobre quen publicou numerosos artigos así como o libro Portrait os a woman as Artist: Emilia Pardo Bazán and the modern Novel in Spain and France.

Emilia Pardo Bazán

Emilia Pardo Bazán naceu na Coruña en 1851. Escritora pero tamén intelectual xornalista e crítica literaria triunfou no mundo das letras e tamén como figura pública. Introduciu en España o naturalismo, onde se enmarca unha das súas obras máis coñecidas e recoñecidas “La Tribuna”. Emilia Pardo Bazán tamén está considerada como unha das precursoras do movemento feminista en España.