Cluster Audiovisual Galego

O portal web da CRTVG, líder das canles autonómicas en canto a minutos de consumo no mes de xaneiro

23-02-2021

A web da TVG é líder das autonómicas en canto minutos de consumo en xaneiro. O portal web da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), e tamén o de Telemadrid, incorporouse á auditoría de medios en liña que realiza OJDinteractiva, división de OJD que certifica a difusión dos sitios web en España. As dúas canles únense deste xeito ao grupo de televisións autonómicas que xa eran controladas (EiTB, Canal Sur, Corporación Medios de Castilla-La Mancha, RTVCanarias, RTVCeuta e La RiojaTV) e  confírmanse como webs destacadas en cada comunidade autónoma polo tráfico rexistrado en xaneiro, quedando integradas na clasificación de ‘Entretenimiento-Broadcast’.

Segundo estes datos certificados, o portal www.crtvg.gal obtivo de media diaria 38.000 usuarios en xaneiro, que realizaron 50.000 visitas, con 117.000 páxinas vistas; e rexistrou unha duración media por visita de 6:37 minutos, o que indica un gran consumo de contidos audiovisuais e o maior dato entre as autonómicas. O informe reflicte tamén que a páxina de inicio recolle de media o 10% das impresións totais do medio. É salientable que o 24 de xaneiro, crtvg.gal acadou un récord diario de usuarios (72.614), visitas (98.000) e páxinas vistas (205.000).

No que respecta á procedencia xeográfica das visitas de xaneiro, un 89% corresponden a tráfico de España, un 47% desde a propia Galicia, seguida de usuarios de Madrid e Cataluña. Un 75% dese tráfico chega desde dispositivos móbiles, nun 24% con orixe nas redes sociais.