Cluster Audiovisual Galego

Luis Tosar protagonizará “Proyecto emperador”, o novo filme de Jorge Coira, producido por Vaca Films

18-02-2021

O actor galego Luis Tosar protagonizará “Proyecto emperador”, un thriller dirixido por Jorge Coira, con guión de Jorge Guerricaechevarría. A terceira longametraxe como director de Coira está producido pola socia Vaca Films.

Luis Tosar estará acompañado no reparto por Alexandra Masangkay, a cantante e actriz Bebe, Miguel Rellán, María Botto e Denís Gómez, entre outros. “Proyecto emperador”’ está ambientado nas altas esferas do poder e a espionaxe, e segundo publica Audiovisual451, a súa rodaxe está prevista para a próxima primavera.

Trátase da terceira longametraxe de ficción de Jorge Coira, tras “18 comidas” e “El año de la garrapata”. Coira tamén dirixiu series como “Hierro” ou “Sé quién eres”, ademais de traballar en “La Unidad” ou nas películas “La sombra de la ley” e “El desconocido” de Dani de la Torre, polo que foi premiado co Goya a Mellor Montaxe.

“O mundo da espionaxe é un dos contextos máis poderosos e frutíferos para explorar conflitos extremos. ‘Proyecto emperador’ quere meterse dentro, desde a potencia do thriller, na realidade dos axentes de información: un mundo no que a fronteira entre o ben e o mal dilúese e onde as cousas non sempre son o que parecen”, comenta o director.

“Proyecto emperador” revela a través da ficción unha recoñecible realidade sociopolítica da España actual. Trátase dun thriller de acción, que nos introducirá no mundo dos poderosos e dos que moven os fíos. A información e a desinformación, a verdade  e o engano, o ben e o mal… termos que, en ocasións, se tocan, se cruzan e conviven ata confundir os seus límites. A nova película de Jorge Coira bebe da realidade para sumerxer ao espectador nas entrañas dun sistema no que as apariencias son máis que enganosas, a mentira está á orde do día e a chantaxe é a mellor moeda de cambio.

“A realidade en que vivimos é o froito dun delicado equilibrio. Un universo en constante perigo de zozobrar no que a información é controlada e manipulada por poderes que, pretendendo protexernos, buscan en realidade manterse a flote e perpetuarse”, apunta Jorge Guerricaechevarría.

Vaca Films é unha das produtoras independentes líderes en España, desenvolvendo desde hai anos películas e series de éxito, destinadas tanto ao mercado nacional como internacional. As súas producións recadaron cerca de 50 millóns de euros en España e distribuíronse en todo o mundo a través das principais plataformas como Netflix, Amazon, HBO, Sony, StudioCanal, Film Factory ou Playtime ademais de participar en festivais internacionais como Toronto, Venecia, Berlín, San Sebastián e ser recoñecidas con numerosos premios.

Actualmente desenvolve novos proxectos con Daniel Calparsoro e Jorge Guerricaechevarría, Alberto Marini e Juan Galiñanes, Olga Osorio e Araceli Gonda, Rafa Cobos, Fernando Navarro, e Kike Maíllo, así como con Daniel Benmayor e Patxi Amezcua.