Cluster Audiovisual Galego

Netflix convertirá en serie “Hasta el cielo” da man de Vaca Films

13-01-2021

Netflix adquiriu os dereitos da longametraxe “Hasta el cielo”, a nova película de Daniel Calparsoro, para desenvolver unha serie de ficción. A plataforma apostará a nivel mundial por este novo título que producirá a socia do Clúster Vaca Films.

A serie contará con Daniel Calparsoro para a dirección. O cineasta tamén seguirá ocupándose do guión xunto a Jorge Guerricaechevarría, tal e como  aconteceu na película que se estreou en cines españois o pasado 18 de decembro con máis de 52.500 espectadores na súa primeira fin de semana.

A película “Hasta el cielo”, actualmente só en cines, contará cunha estrea global en Netflix despois da súa estrea cinematográfica. A serie encóntrase, polo momento, en fase de desenvolvemento e aínda non pode revelar o seu reparto de actores. A longametraxe está protagonizada por Miguel Herrán, Carolina Yuste, Asia Ortega e Luís Tosar, entre outros.

Rodada en Madrid, Ibiza e Valencia e cun presuposto duns catro millóns de euros, “Hasta el cielo” céntrase nunha banda de ladróns que consigue poñer en xaque ao corpo de policía de Madrid.

Para Vaca Films, produtora fundada por Emma Lustres e Borja Pena en 2003, será unha nova colaboración con Netflix despois da miniserie “El desorden que dejas”, de Carlos Montero. A compañía está traballando, ademais, nos próximos proxectos de Rafa Cobos, Jorge Coira e Olga Osorio, entre outros.