Cluster Audiovisual Galego

“El Último Show”, producida por Zenit Televisión, incluída nas listaxes de mellores series de 2020

13-01-2021

As listaxes con recomendacións sobre que series ou miniseries ver en canles en aberto ou en plataformas dixitais de pago son habituais nos medios de comunicación. Nelas hai un título que se repite con frecuencia, “El Último Show”, producida pola produtora galega socia do Clúster Zenit Televisión e con produción executiva de Zaza Ceballos. Moitos medios recomendan vela nas súas listaxes de títulos destacados.

Nos medios especializados

O portal web fueradeseries.com seleccionou 56 títulos como destacados do 2020 e “El Último Show” ocupa o posto número 12 na listaxe. Neste portal destacan da serie que “é unha aposta pequena que sorprendeu con máis corazón que carcaxada e conseguiu dar o salto a unha plataforma internacional como HBO”.

Outro portal web loslunesseriéfilos.com tamén inclúe a serie entre os seus 10 títulos máis destacados. Neste medio alegan que “como desde unha proposta cun referente tan localista se concibe un produto universal e dun posible percorrido internacional” e destacan tamén as palabras do seu director Álex Rodrigo: “Nunca se puxera á terceira idade en primeira persoa porque críase que non iba interesar. A serie é un proxecto ilusionante e interesante e un canto á vellez e á vida”.

O portal especializado en televisión Formula tv fixo a súa propia listaxe de 12 títulos entre os que tamén figura “El Último Show”. Dende aquí atrévense a dar a clave do seu éxito: “A conexión inmediata que se establece co público, algo que se consigue a través do seu protagonista Miguel Ángel Tirado, máis coñecido polo seu nome artístico “Marianico el corto”.

Outro portal web especializado en televisión como é Vertele tamén inclúe no posto 14 de 39 a serie, da que destaca que “cun gusto exquisito consegue reflectir os dramas e inquedanzas dos nosos maiores. É unha das xoias da listaxe”.

Prensa nacional

Os medios de tirada nacional tamén elaboran as súas propias listaxes recomendando as series de maior éxito en distintas plataformas e canles. Así El diario Vasco na súa listaxe inclúe a “El Último Show” no 5º posto entre os seus 20 títulos recomendados. O xornal destaca da serie que “ é unha deliciosa historia contada con toneladas de humanidade e sentimentos reais”.

Outros xornais de tirada nacional como La Razón ou El Español tamén inclúen a ‘“El Último Show” como unha das series imprescindibles para ver.

“El Último Show”

Creada por Álex Rodrigo e codirixida por Carlos Val a serie ten no papel protagonista ao actor e cómico Miguel Ángel Tirado, máis coñecido polo alcume de “Marianico el Corto”. Ao longo dos seus oito capítulos “El Último Show” mestura drama e comedia para abordar o conflicto dun cómico, Miguel Ángel Tirado, que tenta fuxir do personaxe que lle deu a fama, Marianico el Corto. “El Último Show” presta tamén especial atención á relación que o protagonista ten coa súa neta Claudia (Laura Boudet) que tamén atravesa durante a serie unha crise adolescente. Avó e neta afrontarán xuntos estes duros momentos apoiándose mutuamente e compartindo medos e inquedanzas, deixándonos unha fermosa historia de superación persoal e existencial digna de ser contada.