Cluster Audiovisual Galego

Chega aos cines “Hasta el cielo”, unha produción de Vaca Films

22-12-2020

Tralo seu paso polos festivais de Málaga e Roma, o venres 18 de decembro estreouse en cines “Hasta el cielo”, a última película de Daniel Calparsoro, producida pola socia Vaca Films. Trátase dun thriller trepidante de atracos inspirado en feitos reais.

En palabras do seu director, “Hasta el cielo” “conta a historia dun soño, de todo o que tes que sacrificar para alcanzalo”. Conta cun elenco de novos actores e actrices encabezados por Miguel Herrán e Carolina Yuste e coa presencia de Asia Ortega e Luis Tosar.

Dirixida por Daniel Calparsoro, trátase dunha produción de Vaca Films, coa participación de RTVE, Movistar+, Telemadrid, Canal+ e Netflix e co apoio de ICAA e Programa Media. As vendas internacionais corren a cargo de Playtime.

Con guión de Jorge Guerricaechevarría, completan o reparto Patricia Vico, Fernando Cayo, César Mateo e os debutantes Richard Holmes ou o rapeiro Ayax, entre outros. Ademais, conta coa participación de outros artistas moi seguidos na escena musical urbana nacional: Dollar Selmouni, Jarfaiter, Ramseys, Carlytos Vela ou Rukeli, na que é a súa primeira incursión no cine.

“Unha combinación que conta con actores de recoñecidísimo prestixio, ademais de estrelas emerxentes con moitísimo talento. Fixemos un gran casting para buscar xente da rúa, contamos con rapeiros. Xente moi auténtica que lle aporta á película frescura e veracidade”, comenta o director.

Sinopse

Ángel é un chico do extrarradio madrileño cuxa vida cambiará para sempre o día que coñece a Estrella nunha discoteca. Tras unha pelexa con Poli, o posesivo mozo da rapaza, este descubre que Ángel ten talento para meterse en problemas e, o máis importante, para saír deles. Por iso, anímao a unirse a súa banda de aluniceiros que ten en xaque a toda a policía de Madrid.

A ambición de Ángel faralle sumerxerse nunha pirámide de roubos, diñeiro fácil e negocios turbios, que levarano de Madrid a Ibiza. A súa habilidade tamén o converterá no protexido de Rogelio, un capo que controla o mercado negro da capital, e, Sole, a súa filla, encapricharase con el.

A escalada de Ángel será imparable, e logo se converterá nun dos atracadores máis buscados do país. E mentres o cerco policial se intensifica, terá que decidir entre Sole ou o amor da súa vida, Estrella. Unha viaxe que comezou no máis humilde dos suburbios e que ten como obxectivo o máis alto: o ceo.