Cluster Audiovisual Galego

A segunda tempada de “Hierro” chegará en febreiro

20-11-2020

A segunda tempada de “Hierro”, o thriller de investigación producido pola nosa socia Portocabo e protagonizado por Candela Peña, chegará a Movistar+ o próximo mes de febreiro cun novo caso para a xuíza Montes e a incorporación do actor hispano-sueco Matías Varela (“Narcos”), anunciou onte a plataforma.

Candela Peña e o arxentino Darío Grandinetti volverán á illa de El Hierro para protagonizar a segunda tempada dunha serie, “Hierro”, cuxa primeira entrega obtivo o recoñecemento tanto da audiencia como da crítica, obtendo, entre outros, Premios Ondas (serie e actriz protagonista), Premios Iris (guión) e Premios Feroz (drama e actriz protagonista).

Creada por Pepe Coira e dirixida por Jorge Coira, a serie contará nesta segunda tempada coa incorporación do recoñecido actor de Narcos Matías Valera, cuxo personaxe verase implicado nun novo caso xudicial no que a xuíza Candela Montes (Peña) terá que investigar. O reparto complétase con Aina Clotet, Iris Díaz, Aroha Hafez, Ciro Miró, Naira Lleó, Helena Sempere, Luifer Rodríguez, Enrique Alcides, Tania Santana, Maykol Hernández, Celia Castro e o actor galego Antonio Durán Morris.

Segundo o seu creador, "a segunda tempada de “Hierro” regresa a esa illa tan especial e á vida de Candela, unha xuíza incómoda, e de Díaz, un turbio empresario. Candela terá que ocuparse dun desagradable litixio pola custodia dunhas nenas da idade do seu fillo Nico e Díaz deberá resolver asuntos do pasado".

“Hierro” é unha serie orixinal de Movistar+ coproducida coa galega Portocabo, ARTE France e Atlantique Productions.