Cluster Audiovisual Galego

A serie producida por Zenit Televisión “El Último Show” opta a dous premios Iris da Academia de Televisión e das Ciencias e Artes do Audiovisual

17-11-2020

“El Último Show”, producida pola socia Zenit Televisión, vén de recibir un novo recoñecemento desta volta en forma de nomeamento. A serie é candidata a dous premios Iris 2020 nas categorías de mellor actor protagonista para Miguel Ángel Tirado e de mellor guión con A. Rodrigo, S. Alquézar e E. Lojo. Nas vindeiras semanas a Academia dará a coñecer ós gañadores en tódalas categorías nunha comunicación pública. 

Serie Premiada

“El Último Show” suma estes dous nomeamentos a outros recoñecementos que recibiu dende a súa estrea en 2020. A serie foi galardoada nos Premios Inspirational da IAB Spain (Asociación da publicidade e marketing e da comunicación dixital en España) e recibiu o Premio Repercusión no Festival Internacional Series Nostrum de Alicante. O Festival de Televisión de Victoria Gasteiz tamén lle concedeu a ‘El Último Show’ un dos seus premios FesTVal en recoñecemento “a un traballo impecable e de excelente factura”. 

Produción autonómica dispoñible en HBO 

“El Último Show” é unha produción de El Último Show AIE (empresa constituída por Zenit Televisión, socia do Clúster Audiovisual Galego) e Aragón TV. 

A iniciativa conta co apoio de sete cadeas autonómicas (Corporación Radio Televisión de Galicia S.A, Canal Sur, Corporació Catalana de Mitjans Audiovisual, Euskal Telebista-Televisión Vasca, Televisión pública de Canarias, Radiotelevisión del Principado de Asturias e Sociedad pública de Radiodifusión y Televisión Extremeña). Ademáis do seu éxito nas cadeas autonómicas ‘El Último Show’ tamén está dispoñible na plataforma dixital HBO. 

“El último show” 

Creada por Álex Rodrigo e codirixida por Carlos Val a serie ten no papel protagonista ao actor e cómico Miguel Ángel Tirado, máis coñecido polo alcume de “Marianico el Corto”. Ao longo dos seus oito capítulos “El Último Show” mestura drama e comedia para abordar o conflito dun cómico, Miguel Ángel Tirado, que tenta fuxir do personaxe que lle deu a fama, Marianico el Corto. 

A serie trata de ser un xogo entre realidade e ficción mostrando as vicisitudes do cómico para levar a cabo o seu soño de dirixir unha película surrealista como as do seu admirado Luís Buñuel e recuperar o amor da súa ex muller. “El Último Show” presta tamén especial atención á relación que o protagonista ten coa súa neta Claudia (Laura Boudet) que tamén atravesa durante a serie unha crise adolescente. Avó e neta afrontarán xuntos estes duros momentos apoiándose mutuamente e compartindo medos e inquedanzas deixándonos unha fermosa historia de superación persoal e existencial digna de ser contada.