Cluster Audiovisual Galego

China aposta de novo pola película “La isla de las mentiras”, de Paula Cons

17-11-2020

A ópera prima “La isla de las mentiras”, da socia Paula Cons, foi seleccionada para participar en competición na 33 edición do festival chinés Golden Rooster Awards, dentro da Sección Cine Extranxeiro, que se celebrará entre o 25 e 28 de novembro na cidade de Xiamen, ao leste do país.

Este festival ten a particularidade de que en paralelo entréganse os prestixiosos premios do cine chinés que levan o mesmo nome e que son popularmente coñecidos como os Óscar chineses ou premios dos expertos, porque son decididos por críticos de cine, cineastas e académicos.

A diferencia dos demais festivais chineses que se celebraron este ano, os Golden Rooster Awards recuperan a alfombra vermella e a cerimonia de entrega de premios.

Precisamente “La isla de las mentiras” tivo a súa premier mundial noutro festival celebrado en China, como é o Festival Internacional de Cine de Shanghái (SIFF).

Continuando coa lista de festivais, recentemente participou no Spanish Film Festival, de Ámsterdam. Tamén se puido ver no Festival de San Sebastián (SSIFF) dentro da sección Made in Spain. Así mesmo foi seleccionada para participar na Sección Oficial do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF), onde a súa directora, Paula Cons, recibiu o premio Xacobeo á mellor produción galega do festival. Por último, tamén inaugurou o Festival de Cans, en Galicia.

Nos vindeiros días poderase ver no Festival Internacional de Cine de Almería, FICAL. 

“La isla de las mentiras” pódese ver actualmente en Filmin e en salas de Galicia, onde encara a súa sexta semana en cines, en ocasións colgando o cártel de entradas esgotadas. A película estreouse en Filmin o 24 de xullo e foi o título máis visto na plataforma na súa primeira fin de semana de estrea e un dos tres máis vistos no mes de agosto. Máis de 40.000 espectadores vírona a través da plataforma.

O film está dirixido por Paula Cons e protagonizado por Nerea Barros, Darío Grandinetti, Aitor Luna, Victoria Teijeiro, Ana Oca e Milo Taboada. A película está inspirada en feitos reais, concretamente no afundimento do buque “Santa Isabel” fronte ás costas da illa de  Sálvora (A Coruña) en 1921.