O “I+P, Ideas para Producir” dá a coñecer os 18 proxectos que participarán na súa 14ª edición, organizada polo Clúster Audiovisual Galego e que se celebrará finalmente de maneira virtual debido ao escenario no que nos encontramos a causa da COVID-19.
Dada a complexa e difícil situación que atravesamos a causa da pandemia do coronavirus, das crecentes restricións sanitarias e por sentido da responsabilidade para contribuír a frear a propagación do virus, o Clúster vén de tomar a decisión de que o “I+P, Idea para Producir” 2020 sexa online. Esta 14ª edición do Pitching celebrarase nas mesmas datas nas que estaba prevista a edición presencial: os días 24 e 25 de novembro, adiantándose a sesión de pitch ao martes 24 pola mañá.
18 propostas de cine e televisión
Os dezaoito finalistas foron elixidos entre os 165 proxectos recibidos, un 65% máis que na pasada edición e a cifra máis alta da historia do I+P, e analizados polo Comité de Selección que este ano estivo integrado por José Antonio Cascudo, guionista, escritor e profesor; Susana Maceiras, produtora executiva de Adiviña Producións, e Xosé Leis, produtor e actor. Os traballos elixidos encóntranse en distintas fases de desenvolvemento e inclúen longametraxes de ficción, documentais, series de ficción e animación e outros formatos de televisión.
A sesión de pitching terá lugar o martes 24 de novembro pola mañá e as reunións one to one desenvolveranse entre a tarde do mesmo martes e o mércores día 25. Os traballos serán presentados diante dun auditorio formado por responsables de contidos de destacadas canles de televisión, plataformas, produtoras e distribuidoras como RTVE, Movistar+, Atresmedia, AMC Networks, CRTVG, TV3, Grupo Euskaltel, Aragón TV, Filmax, A Contracorriente Films, DeAPlaneta, Treeline Distribution ou Portocabo, entre outras.
Os 18 proxectos seleccionados para a 14ª edición do “I+P, Ideas para Producir” son:
- “Monstro”, longametraxe de Gaitafilmes.
- “Lía”, longametraxe de Matriuska Producciones.
- “Blink”, serie de televisión de Filmax, Producións A Fonsagrada.
- “En tus manos”, factual entertainment de Área 5.1.
- “Los lobos no piden perdón”, serie de televisión de Congo Producciones.
- “Alice’s Diary”, serie de animación de Parrocha Studio.
- “Berros, Acordes e Cavernas (Gritos, Acordes y Cavernas)”, programa de televisión de EISV – Producciones Vigo.
- “Yo, Bárbara”, longametraxe de Olga Osorio.
- “Cortegada 1907 – 1989“, serie de televisión de María Sierra.
- “A la cara”, longametraxe de Langosta Films.
- “Rapaces”, serie de televisión de One In K Million (OIKM).
- “Por una nube”, longametraxe de Belle Films and TV.
- “Colores”, serie de televisión de Victoria Mauricio.
- “Wikinger 7-13”, serie de televisión de Fiction Changing the World.
- “Nunca te olvidaremos”, serie de televisión de Héctor Beltrán.
- “El viaje de Lucy”, longametraxe documental de Somadrome Films.
- “Paréntesis”, coaching show de Alexandre Novo e Marina Badenes.
- “La Bola de Cristal”, serie de televisión de Big Shiva.
Neste 2020 o “I+P, Ideas para Producir” conta co apoio do Ministerio de Cultura y Deporte, da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e do Concello de Pontevedra. Tamén conta coa colaboración das asociacións CREA e AGAG, da Pontevedra Film Commission, da plataforma Filmarket Hub e do Máster en Produción Xornalística e Audiovisual (MPXA), e co patrocinio de Gadisa, Galicia Calidade e das compañía Music Library & SFX e Cinetools.
Ao igual que acontecera en pasadas edicións, os proxectos seleccionados gozarán dun ano de inscrición gratuíta no mercado online de Filmarket Hub, que ofrece a plataforma como empresa colaboradora do evento, onde poderán potenciar a súa visibilidade e conectar con toda unha rede de produtores e empresas de Europa e Latinoamérica. Obtendo unha maior visibilidade e novas oportunidades de encontrar socios interesados nos seus proxectos e podendo acceder a outras empresas ademais das que participen no Pitching.