Cluster Audiovisual Galego

O 96% do que se emite na TVG está feito en Galicia e por empresas galegas

30-10-2020

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu este xoves na Comisión de Control da CRTVG do Parlamento de Galicia para presentar a “Memoria de Servizo Público 2019”. Na súa intervención, Sánchez Izquierdo salientou que no 2019, ano do inicio das emisións en HD da canle galega, o 96% dos contidos emitidos foron de orixe galega, algo insólito no panorama televisivo nacional.

Nesta liña, dixo que “a produción propia interna da TVG e da G2 abrangue o 50,6% da grella. Segue en importancia a produción propia externa, cun 45,95% do total, e, en moita menor porcentaxe, a produción allea (4,35%). Isto quere dicir que a Televisión de Galicia é unha canle que nun 96% esta feita por produto esencialmente galego, xerado cos medios propios da CRTVG ou delegado no sector audiovisual galego”.

Deses contidos, o director xeral subliñou que as canles dixitais do Xabarín aumentaron o seu consumo nun 11% en 2019. A CRTVG conta, amais da G2, con ata catro canles dixitais 24 horas dedicadas aos máis cativos: a primeira atópase dentro da App CRTVG; a segunda, a App específica “Xabarín”, dispoñible e operativa para IOS e para Android; a terceira, a canle Xabarín da web crtvg.gal, e a cuarta, a canle de radio dixital Radio Picariña, un proxecto pioneiro con máis de mil cancións para nenos en galego. De feito, a TVG é desde abril deste 2020 a canle xeneralista máis vista polos espectadores novos (entre 13 e 24 anos idade) en Galicia.

No 2019, case 700.000 persoas contactaron co medio ao longo do día. Iso supón que máis dun 25% dos espectadores consumiron nalgún momento do día os contidos emitidos pola TVG a través do televisor por calquera das súas canles, o que a converte nunha das canles con máis impactos de España.

Izquierdo lembrou que os informativos da TVG son os elixidos maioritariamente polos galegos e líderes nas súas faixas horarias e que no 2019 foi reorganizado ese esforzo informativo coa creación de g24.gal, cunha estratexia conxunta de difusión de informacións de alcance, cun espazo web propio e sobre todo cunhas redes sociais moi áxiles centradas na información case en tempo real. Respecto da audiencia, Izquierdo lembrou que a Radio Galega acadou unha cota acumulada de 164.000 oíntes, o mellor dato desde o 2013. Neste mes de outubro de 2020 a TVG xa é de novo a segunda canle máis vista de FORTA superando o 10% de audiencia.

A intervención tamén se centrou en explicar o apoio da CRTVG á industria galega do audiovisual, coa promoción dos produtos en galego fóra das fronteiras do país nas novas plataformas de consumo, como Netflix, -en que se estreou a ficción “O sabor das margaridas”- e no mercado internacional que está a premiar títulos apoiados pola TVG (“O que arde”, de Oliver Laxe, ou “A sombra da lei”, de Dani de la Torre; así como as estratexias para atraer públicos novos nacidas en 2019: o informativo de humor e actualidade “Malicia noticias” ou a emisión de espazos innovadores arredor do patrimonio e a riqueza de Galicia, entre eles as estreas de “Segredos. Desmontando Galicia” e “Un país en 360”.