Cluster Audiovisual Galego

Juanjo Giménez comeza a rodaxe de “Tres”, unha produción de Frida Films

09-10-2020

A socia Frida Films iniciou a gravación de “Tres”, segunda longametraxe de ficción de Juanjo Giménez pero a primeira que realiza tralo grande éxito da súa curta “Timecode”, que foi Palma de Ouro en Cannes e estivo nomeado ao Oscar. É un potente proxecto protagonizado por Marta Nieto e que trata sobre unha muller que empeza a desincronizarse.

A produtora Luisa Romeo, que foi Producers on the Move en Cannes hai un par de anos, revelou a Cine&Tele que “é unha película única cun tratamento do son que é un dos maiores retos”. A responsable de Frida Films sinala que, como di o director, “o son é un personaxe máis”.

A cinta está producida por Frida Films en coprodución con Manny Films (Francia) e M-Films (Lituania). “Armamos a coprodución durante os últimos dous anos e iso permitiunos financiar esta película, que ten un presuposto máis alto quelo que normalmente ten o cine de autor en España”, indica Luisa Romeo.

A película conta coa axuda de ICAA, ICEC, AGADIC e coa participación das televisións TVG, Televisió de Catalunya, Canal Plus Francia, así como cos fondos de MEDIA e Eurimages. As vendas internacionais xestiónaas a francesa Le Pacte.

A rodaxe prolongarase durante 6 semanas na Coruña e Barcelona e no reparto, ademais de Marta Nieto, están Miki Esparbé, Francisco Reyes e os actores galegos Luisa Merelas, Cris Iglesias e Fran Lareu.

Sinopse

Unha muller de 39 anos traballa como deseñadora de son e goza do seu traballo, no que pasa moitas horas soa, gravando efectos sala, wild-tracks, editando, mixturando. O estudio é o seu último refuxio: un lugar onde postergar as averiadas relacións que mantén coa súa exparella, coa súa anciana nai e cos seus compañeiros de traballo.  Aínda que ela aínda non o sabe, está comezando a desincronizarse. Como se fora unha película mal sonorizada, o seu cerebro comezou a procesar o son máis tarde cas imaxes.