Cluster Audiovisual Galego

A película “La isla de las mentiras”, participada pola TVG, chega este venres día 2 ás salas de cine galegas

01-10-2020

A longametraxe “La isla de las mentiras”, a ópera prima da directora galega Paula Cons, que conta coa participación da socia TVG, estréase este venres 2 de outubro en cines de toda Galicia. Despois de participar no Festival de Shangai, de exhibirse na sección “Made in Spain” de San Sebastián e de pasar tamén polo Festival de Cine Internacional de Ourense, esta fin de semana chega ás salas de 16 cidades e vilas galegas.

Con Nerea BarrosDarío GrandinettiAitor LunaVictoria TeijeiroAna Oca e María Costas nos papeis principais, a película foi rodada en 2019 e está inspirada libremente en feitos reais, no afundimento do buque Santa Isabel fronte ás costas da illa de Sálvora en 1921. Este é o punto de partida dun filme en que o máis interesante non é o naufraxio en si mesmo, senón as consecuencias que ten nun microcosmos tan pechado e peculiar coma o desta pequena illa. Tamén é unha homenaxe ás tres mulleres que salvaron a vida de 48 persoas e que foron inxustamente esquecidas pola historia.

“La isla de las mentiras” comeza a madrugada do 2 de xaneiro de 1921, cando o transatlántico Santa Isabel, con destino a Bos Aires e 260 persoas a bordo, se afunde fronte á escarpada e dura costa da illa de Sálvora. A falta de homes na illa, tres mozas, María, Josefa e Cipriana, deciden ir ao rescate, salvando case medio cento de persoas, nun acto heroico que pagarán moi caro. Tras estes feitos, León, un xornalista arxentino, acode a Sálvora para cubrir a nova do naufraxio. Pouco a pouco irá descubrindo que esa noite se produciron demasiadas casualidades, chegando mesmo a sospeitar que o naufraxio puido ser provocado. Mentres tanto, xa nada será igual. O naufraxio sacudirá e cambiará para sempre a vida da illa.


O filme, que se estreou o 24 de xullo a través da plataforma Filmin, unha das canles en liña de cinema independente máis prestixiosas, está coproducido pola galega socia do Clúster Agallas Films, a vasca Historias do Tío Luis, a arxentina Aleph Cine e a portuguesa Take 2000. Conta coa participación da TVG, RTVE e ETB e co apoio de AGADIC, Goberno Vasco, ICAA, INCAA arxentino, ICA portugués e o Programa Ibermedia.

Compromiso e apoio ao cine galego
    
Entre 2019 e 2020, a CRTVG participou en 26 longametraxes de ficción ou documentais cun investimento de 1 millón de euros.

Ademais do cine que se emite na canle de televisión, a Corporación desenvolveu este ano, durante o confinamento, unha nova liña de difusión do cine galego en aberto coa posta en marcha da chamada “Carteleira G” a través da web crtvg.gal. Esta oferta arrincou en marzo e ofreceu unha renovación de títulos semanal, debido á aposta da CRTVG por dar opcións para o entretemento naqueles momentos, e baséase en ciclos temáticos.  “Carteleira G” ofreceu ata agosto un total de 60 títulos que acadaron máis de 80.000 visualizacións. Desde o verán, o ciclo mantense en activo na web pero cunha periodicidade mensual.