Cluster Audiovisual Galego

"La isla de las mentiras" presentarase no Festival de San Sebastián e estrearase en cines de Galicia o 2 de outubro

16-09-2020

O vindeiro luns 21 de setembro presentarase "La isla de las mentiras", ópera prima da socia Paula Cons, na 68 edición do Festival de San Sebastián (SSIFF). A película poderá verse en Made in Spain, unha sección non competitiva que integra os títulos máis significativos do cine español deste ano. “La isla de las mentiras”, que xa pode verse en Filmin, chegará aos cines de Galicia o 2 de outubro.

O Festival de San Sebastián será o segundo festival de Clase A no que se poida ver "La isla de las mentiras" tras participar na sección oficial do Festival Internacional de Cine de Shanghái (SIFF).

"La isla de las mentiras" estreouse o pasado 24 de xullo en Filmin e foi o título máis visto na plataforma na súa primeira fin de semana de estrea e un dos tres máis vistos no mes de agosto.

A película está dirixida pola galega Paula Cons e protagonizada por Nerea Barros, Darío Grandinetti, Aitor Luna, Victoria Teijeiro e Ana Oca. A película está inspirada en feitos reais, concretamente no afundimento do buque “Santa Isabel” fronte ás costas da illa de Sálvora en 1921.

Sinopse

Inspirada en feitos reais. A madrugada do 2 de xaneiro de 1921, o buque Santa Isabel, con destino Bos Aires e 260 persoas a bordo, afunde fronte á escarpada e dura costa da illa de Sálvora, en Galicia. A falta de homes na illa tres mozas locais, María (Nerea Barros), Josefa (Victoria Teijeiro) e Cipriana (Ana Oca), deciden ir ao rescate salvando a 48 persoas, un acto heroico que pagarán moi caro. Tras estes feitos, un xornalista arxentino, León (Darío Grandinetti), acude a Sálvora para cubrir a nova do naufraxio. Pouco a pouco irá descubrindo que esa noite se produciron demasiadas casualidades na illa, chegando incluso a sospeitar que o naufraxio poido ter sido provocado. Mentres tanto, xa nada será igual. O naufraxio sacudirá e cambiará para sempre a vida da illa.

"La isla de las mentiras" é unha coprodución entre a produtora galega socia do Clúster Agallas Films, a vasca Historias del Tío Luis, a arxentina Aleph Cine e a portuguesa Take 2000. Conta coa participación de TVGRTVE e ETB, e co apoio de AGADICGoberno VascoICAAINCAA arxentino, ICA portugués, o Programa Ibermedia, Concello de Riveira e Deputación da Coruña. Da súa distribución nacional e internacional ocúpase a socia Filmax.