Cluster Audiovisual Galego

O actor Celso Bugallo porá a súa voz na película de animación “Os Demonios do Meu Avó”

14-09-2020

O actor galego Celso Bugallo, gañador dun premio GOYA pola súa actuación na película “Mar adentro” de Alejandro Amenábar, porá a súa voz a un dos personaxes da película de animación stop-motion “Os Demonios do Meu Avó” da socia Parrocha Studio. Será os días 15 e 16 de setembro en Lisboa.

“Os Demonios do Meu Avó” conta a historia de Rosa, unha muller na trintena que se rencontra coas súas orixes a través das cartas e enigmas que lle deixa o seu avó recentemente falecido, e que a irán guiando por un mundo poboado por criaturas fantásticas e animais silvestres.

Ademais de Celso Bugallo, tamén participan nas voces do filme importantes actores portugueses e os galegos Isabel Naveira ou Luis Iglesia.

Dirixida por Nuno Beato, a película é unha coprodución internacional na que están involucradas produtoras de Galicia (Parrocha Studio), País Vasco (Basque Films), Francia (Marmita Films) e Portugal (Sardinha em Lata).

Á fronte da produción en Galicia está o socio Xosé Zapata, promotor da firma ParrochaStudio situada no centro de Arteixo e que está adicada á fabricación de bonecos para películas stop-motion. Xosé Zapata é un recoñecido produtor con máis de vinte anos de experiencia no sector e que destaca pola súa participación en obras de animación como “Buñuel no laberinto das tartarugas”.

“Os Demonios do Meu Avó” conta coa participación de Televisión de Galicia e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia, así como do Ministerio de Cultura-ICAA de España, ICA-Portugal e do CNC de Francia.