Cluster Audiovisual Galego

45 dos 50 programas máis vistos este verán en Galicia foron da TVG

14-09-2020

Neste verán, no período comprendido entre o 1 de xullo e o 10 de setembro, os contidos da TVG seguiron a gañar audiencia e superan as cotas acadadas en 2019. Un dos datos máis espectaculares é que no ránking dos 50 programas de maior audiencia, 45 foron emisións da TVG. O labor de servizo público da Televisión de Galicia durante esta pandemia ten o seu reflexo na fidelidade da xente. A  CRTVG trasladou a todos os galegos a actualidade máis relevante e mantivo en pé a súa oferta de entretemento en directo. 

Deste xeito, os informativos da Galega foron os máis seguidos, destacando a franxa do mediodía, entre as 13:30 e as 15:30 horas, con “Galicia noticias” e “Telexornal Mediodía”, e na que se acadou unha cota de luns a venres do 20,3% de audiencia, superando amplamente os competidores Antena 3, cun 15,1%; Tele5, cun 12,4%; La Sexta, cun 11,6%; La1, cun 4.1%; e Cuatro, cun 3,5%. 

Pero tamén hai que salientar a resposta á oferta de entretemento do prime time, que aumentou en 7 décimas respecto aos mesmos meses no ano pasado. Entre os mozos de 13 a 24 anos, a TVG é, dentro das canles xeneralistas, a máis vista, cunha cota media mensual do 8,4%.