Cluster Audiovisual Galego

AGAG incorpórase ao Clúster Audiovisual Galego como socio colaborador

04-09-2020

A Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) vén de incorporarse ao Clúster Audiovisual Galego como socio colaborador. Esta adhesión é froito do convenio de colaboración asinado entre ambas entidades co obxectivo de unir esforzos e estreitar as súas relacións, intercambiar coñecementos e realizar actividades destinadas á promoción e difusión do sector audiovisual e á posta en valor dos profesionais galegos. 

Así, esta colaboración xorde do interese común por parte de ambas entidades por realizar actividades que sirvan para promocionar e impulsar o traballo dos guionistas e do sector audiovisual galego en xeral. 

A incorporación de AGAG ao Clúster Audiovisual Galego como socio colaborador enmárcase na liña de actuación que vén desenvolvendo o Clúster nos últimos anos para lograr a cooperación e a integración de empresas e entidades pertencentes á cadea de valor do sector audiovisual e dos contidos dixitais, co obxectivo de mellorar a súa competitividade e de promocionar este sector. 

Sobre AGAG 

AGAG é unha asociación profesional sen ánimo de lucro fundada no ano 1997, que ten como obxectivo principal a defensa dos intereses dos guionistas do sector audiovisual en Galicia. 

Entre os seus fins principais está a representación, defensa e promoción dos intereses comúns dos seus afiliados no ámbito laboral, profesional, social, económico e cultural, así como dos intereses xerais da profesión fronte as administracións, institucións, empresas e outros colectivos de ámbito autonómico, estatal e internacional. 

Tamén están entre os cometidos de AGAG a difusión social e cultural da profesión de guionista e a súa tarefa, a organización de actividades formativas e culturais para os seus afiliados, o fomento da solidariedade dos seus membros promocionando e creando servizos comúns de natureza asistencial e a realización de accións axeitadas para conseguir melloras sociais e económicas para os afiliados.