Cluster Audiovisual Galego

“Cuñados”, a primeira longametraxe de ficción de Portocabo, iniciará a súa rodaxe no mes de agosto

31-07-2020

O próximo 17 de agosto dará comezo na cidade das Burgas a rodaxe de “Cuñados”, a primeira longametraxe de ficción da produtora socia do Cluster Portocabo. Esta comedia costumbrista e familiar, que xirará arredor das peripecias criminais de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado, estará protagonizada por tres grandes actores cómicos do país: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Fede Pérez, acompañados, entre outros, polas actrices Iolanda Muíños e Eva Fernández.

Este filme suporá o salto á longametraxe de Toño López que, tras dirixir exitosas ficcións seriadas internacionais como “Miracle Tunes” (Portocabo, ShowLab, Blasteem, Mediaset, Kamca Group) ou “Auga Seca” (Portocabo, Sp-i), asume nesta ocasión a dirección desta gran comedia galega. Nas súas palabras, “esta é unha comedia de case criminais, alegre, alborotada e vitalista para todos os públicos que basea o seu humor en facer leña das miserias humanas cun toque de tenrura e compaixón, e que tal vez nos sirva tamén para ver as nosas propias miserias e torpezas con máis sentido do humor”.

Ao fronte do resto do equipo técnico atópanse grandes profesionais do noso audiovisual como Alfonso Blanco (produción executiva), Araceli Gonda (guión), Santi Jul (música), Ana Míguez (dirección de produción), Jaime Pérez (dirección de fotografía), Lu Rodríguez (montaxe), Andrea Pozo (dirección artística) e Saturna (vestiario).

“Cuñados”, que se estreará en cines nos primeiros meses do 2021, forma parte do grupo de películas seleccionadas na segunda mesa de valoración de cine de RTVE para este ano e conta tamén coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a participación da TVG e a colaboración da Deputación de Ourense.

Esta non é a primeira vez que Portocabo escolle a provincia de Ourense para rodar algunha das súas ficcións, como xa ocorrera con “Vidago Palace” (Portocabo, Hop!), serie que xa pode verse en HBO Portugal e que chegará proximamente ao catálogo de HBO España. Alén disto, a produtora continuará tamén nestas semanas coa gravación da segunda tempada da multipremiada “Hierro” (Portocabo, Movistar+, Atlantique, Arte) en Canarias e avanzando en varios proxectos que se atopan agora mesmo en fase de desenvolvemento.