Cluster Audiovisual Galego

Andrés Goteira finaliza en Santiago e Ferrol a rodaxe do documental “Welcome to ma maison” (“Benvidos á miña cabeza”)

28-07-2020

O socio Andrés Goteira (“Dhogs”, 2017) reinicia hoxe en Santiago a rodaxe de “Welcome to ma maison” (“Benvidos á miña cabeza”), unha longametraxe documental con partes ficcionadas, que narra as desventuras de Igor Fernández, un actor que, tras un colapso emocional, decide afastarse da interpretación por un tempo e centrarse na investigación cinematográfica. Igor comeza a escribir un libro que versa sobre a linguaxe non verbal das mans na filmografía do director danés Nicolas Winding Refn (Drive). Dende aquela, o seu fin último na vida pasa do desexo de perdurar nas pantallas a encontrarse co seu idolatrado director, abrirse en canal con el e escribir un capítulo final para o seu libro.

Coa rodaxe da parte ficcionada do documental, que finaliza este xoves en Ferrol, Andrés Goteira completa unha viaxe real e figurada de Igor Fernández, na que mantivo encontros con distintos referentes seus, amigos do director danés e expertos cinematográficos, que reflexionan sobre a linguaxe xestual no cine e actuarán como ponte de unión entre ambos.

O documental producido por Gaitafilmes conta co apoio de Agadic, a Deputación de Lugo e a CRTVG.