Aberta a convocatoria para proxectos da 14ª edición do “I+P, Ideas para Producir”
Ata o 6 de outubro está aberto o prazo para inscribir proxectos audiovisuais na 14ª edición do pitching “I+P, Ideas para Producir”, que se celebrará os días 24 e 25 de novembro en Pontevedra. O Clúster Audiovisual Galego garantirá as medidas de protección persoal e distancia social fronte á Covid-19.
O “I+P, Ideas para Producir” ten como obxectivo reunir a produtores, guionistas e directores que teñan un proxecto de cine ou televisión, e que busquen alianzas empresariais de cara á súa coprodución, venda ou distribución, con directivos de canles de televisión e plataformas, produtores executivos, distribuidores e responsables de vendas internacionais.
Entre todos os traballos recibidos, un comité de expertos seleccionará 15 proxectos de cine e televisión para realizar, o día 25 de novembro, un pitch diante de destacados axentes do sector audiovisual. A continuación celebraranse os encontros one to one entre os produtores e creadores dos traballos e os expertos que asistan este ano ao Pitching.
No caso de que chegado o momento as condicións existentes non permitiran realizar o pitching de maneira presencial, o Clúster Audiovisual Galego celebrará unha edición online do “I+P, Ideas para Producir” nas mesmas datas e informará deste cambio a todos os participantes.
Os produtores e creadores interesados en participar nesta nova edición do I+P poden rexistrar os seus traballos ata o día 6 de outubro enviando o formulario de inscrición a comunicacion@clag.es. O Clúster comunicará a partir do día 30 de outubro os proxectos seleccionados.
Na súa 14ª edición o “I+P, Ideas para Producir” conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e do Concello de Pontevedra. Co patrocinio de Gadisa, Music Library & SFX e Cinetools, e a colaboración das asociacións CREA e AGAG, a plataforma Filmarket Hub e a Pontevedra Film Commission.
Colaboracións CREA e AGAG
Este ano, ademais da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA), tamén colabora co “I+P, Ideas para Producir” a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG). Estas colaboracións teñen como obxectivo favorecer a participación dos membros de CREA e de AGAG no pitching cunhas condicións preferentes.
Así, o proxecto dos socios de ambas asociacións mellor valorado polo Comité de Selección entre todos os inscritos no “I+P, Ideas para Producir” terá acceso directo á xornada, gozando do mesmo desconto que os socios do Clúster Audiovisual Galego. No caso de haber máis proxectos de membros de CREA e AGAG seleccionados para participar na xornada, a estes aplicaránselles as condicións xerais.
Descontos para socios de clústeres audiovisuais
Como novidade nesta edición as empresas asociadas a algún dos clústeres audiovisuais do territorio español, e non só do Clúster Audiovisual Galego, tamén gozarán de descontos especiais para o “I+P, Ideas para Producir”.
Presenza dos proxectos do I+P no catálogo de Filmarket Hub
A plataforma online Filmarket Hub segue apoiando o “I+P, Ideas para Producir”. De maneira que as longametraxes e series seleccionadas para participar na 14ª edición do foro incluiranse no catálogo de Filmarket Hub e gozarán dun ano de inscrición gratuíta no mercado online que opera no continente europeo e en Latinoamérica. Deste xeito os proxectos contarán cun ano máis de maior visibilidade e difusión, aumentando as súas posibilidades de encontrar posibles coprodutores ou compradores e podendo acceder a outras empresas ademais das que participen no pitching.