Cluster Audiovisual Galego

Filmax estrea en cines a película "BIKES" o 18 de abril

15-03-2019

O próximo 18 de abril chega aos cines "BIKES", a nova aposta de Filmax polo cine familiar. Nomeada ao Goya 2019 a mellor película de animación, "BIKES" é unha trepidante comedia de animación en 3D sobre rodas, na que participa un sorprendente grupo de encantadores e simpáticos personaxes “a pedais” que nos farán tomar conciencia sobre a protección do medio ambiente.

Unha película que, ademais de ser divertida, envía unha mensaxe contundente sobre a importancia dunha convivencia armoniosa e os valores da ecoloxía.

Coas voces de Carlos Latre, Anabel Alonso, a influencer María Querol e o campión ciclista Perico Delgado (gañador do Tour e de dúas Voltas a España), "BIKES" conquistará aos máis pequenos e fará reflexionar a toda a familia sobre a necesidade de loitar contra a contaminación e protexer o medio ambiente.

Producida por Ximo Pérez (El desentierroLa chispa de la vida), "BIKES" está dirixida por Manuel J. García, un destacado profesional da animación que conta con máis de 25 anos de experiencia traballando para os máis importantes estudios de todo o mundo, como Disney, WB, Universal e Hanna Barbera.

Sobre unha idea orixinal do propio Manuel J. García e argumento de John Michael Boughn, "BIKES" foi desenvolta por dous dos máis reputados guionistas no campo da animación, Michael Maurer (Las Tortugas Ninja)  e Joel Jessup (El show de Mr. Hell).

Os últimos avances en tecnoloxía 3D permitiron ao equipo de BIKES dar vida non só aos personaxes principais, senón, tamén, ao mundo no que se moven. Para inspirarse no deseño das bicicletas tomáronse como referencia algúns dos modelos de Cannondale, unha das marcas máis prestixiosas e innovadoras dentro do sector ciclista. En concreto, o personaxe de Speedy é unha Cannondale Trigger, unha bicicleta de montaña que conta cun elemento único de Cannondale: un tipo de suspensión Lefty. O personaje do alcalde tamén foi froito da inspiración nun modelo da marca, a Cannondale SM 500, que en 1987 marcou o inicio das bicicletas de montaña.

A coprodución “BIKES” uniu para esta ocasión á española Animation Bikes AIE, o grupo CVC de China e a arxentina Aleph Media.

Tralo histórico acordo de coprodución cinematográfica asinado en 2014, "BIKES" é a primeira coprodución oficial entre España e China e marca o camiño para novos proxectos entre ambos países.