Cluster Audiovisual Galego

A Academia entrega os Premios Mestre Mateo do audiovisual galego e a “A sombra da lei” proclámase vencedora con dez galardóns

04-03-2019

“A sombra da lei”, de Dani de la Torre, foi a gran triunfadora na gala dos Premios Mestre Mateo ao gañar dez dos quince galardóns aos que optaba nesta decimoséptima edición da festa do audiovisual galego, celebrada o sábado no Palacio da Ópera da Coruña pola Academia Galega do Audiovisual. A segunda gran vencedora foi a longametraxe “Trote”, da socia Frida Films, ao facerse con cinco galardóns nunha noite na que tamén foron recoñecidas as producións e os profesionais das empresas do Clúster: CTV, La Panificadora, Productora Faro, TVG e Voz Audiovisual.

O filme de Dani de la Torre conquistou os galardóns á mellor longametraxe e á mellor dirección do propio de la Torre. Tamén recibiu os premios a mellor dirección de arte de Juan Pedro de Gaspar, a dirección de produción de María Liaño, a interpretación protagonista de Luis Tosar, a maquillaxe e perruquería de Raquel Fidalgo e Noé Montes, a montaxe de Jorge Coira, a música orixinal de Manu Riveiro e Xavi Font, o son de David Machado, James Muñoz e José Antonio Manovel, e o vestiario de Clara Bilbao.

“Trote”, o debut na longametraxe de Xacio Baño, conseguiu cinco galardóns: mellor interpretación feminina de reparto para Melania Cruz, mellor interpretación masculina de reparto para Federico Pérez, mellor interpretación feminina protagonista para María Vázquez. Tamén conseguiu o de mellor guión para Xacio Baño e Diego Ameixeiras e o de mellor dirección de fotografía para Lucía C. Pan.

Esta edición dos Premios Mestre Mateo recibiu máis de 400 candidaturas de 25 categorías.

No apartado dos premios televisivos, “O sabor das margaridas”, de CTV, acadou o galardón á mellor serie de TV, mentres que Voz Audiovisual gañou o de mellor programa de TV por “Buscadores de naufraxios” e Rodrigo Vázquez o de mellor comunicador polo seu traballo no “Ti Verás” de Productora Faro para a TVG. Completan esta sección os premios de Sito Torres e Miguel Granero pola realización de “Album de viaxe”, tamén da Galega.

Os demais premios Mestre Mateo recaeron no documental “Idénticas”, dirixido por Luis Avilés; a serie web “Dinosaurio” de Carballo Interplay Producións; a curtametraxe de imaxe real “A nena azul” de Sandra Sánchez; a curta de animación “Son unha tumba”; o anuncio “Ti” e o videoclip “Agora ou nunca (Pegatina feat Macaco)” de Manu Viqueira.

A gala desta edición, dirixida por Sonia Méndez e conducida por Camila Bossa, David Amor, Xúlio Abonjo, Fernando Epelde e a youtuber Carolina Iglesias, coñecida pomo Percebes y Grelos, estivo ambientada na ciencia ficción e cunha estética futurista guiou ao público a través dunha viaxe temporal polo audiovisual galego.

A Academia tamén recoñeceu co Premio de Honra “Fernando Rey” a traxectoria profesional da actriz e dobradora galega Mela Casal e co Premio Especial “José Sellier” o labor da Federación de Cineclubes de Galicia.

Palmarés dos XVII Premios Mestre Matero aquí