Cluster Audiovisual Galego

A Xunta promove o audiovisual galego no European Film Market da Berlinale

11-02-2019

O noso audiovisual preséntase estes días no European Film Market (EFM) de Berlín cunha ampla delegación comercial, coordinada pola Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da que forman parte 17 empresas. Os seus representantes traballan xa na procura de acordos de coprodución, vendas e distribución internacional dentro deste importante mercado, que se desenvolve ata o vindeiro día 15 en paralelo á 69ª edición da Berlinale. 

Entre as empresas galegas presentes na cidade alemá están as socias do Clúster Ficción Producciones, Filmax, Frida Films, Gaitafilmes, Matriuska Producciones, Portocabo e Zenit TV, ademais doutras como Big Rights, Boneca Lareta, Esnatu Zinema, Filmika Galaica, Numax Distribución, Noveolas Producciones, Ollovivo Producións, Vaca Films, Vía Láctea Filmes e Zeitun Films. 

Outro dos momentos importantes para o audiovisual galego nesta cita internacional, será o evento especial que terá lugar esta mesma tarde-noite no Academie Lounge. Organizado polo Clúster Audiovisual Galego e a Agadic, a el están convidados axentes de todo o mundo. 

Títulos galegos

As empresas galegas participan na que é a 31ª edición deste mercado, un dos máis importantes do sector a nivel mundial, con cadansúa carteira de títulos tanto en proxecto como en fase de produción ou xa rematados. Segundo informan desde Agadic, Gaitafilmes está a centrarse prioritariamente na procura de pechar o financiamento e de potenciais coprodutores para Welcome to ma maison, a próxima longametraxe de Andrés Goteira, mentres que Matriuska acode con tres coproducións internacionais xa en marcha, para as que busca acordos de explotación e vendas no exterior: ¿Qué hicimos mal?, de Liliana Torres; A media voz, de Patricia Pérez e Heidi Hassan, e Mr Stevens, de César Souto. 

Pola súa banda, Ollovivo atópase en Berlín cun proxecto en postprodución (EroskiParaíso, longametraxe experimental de Jorge Coira e Xesús Ron, a partir da obra de teatro homónima de Chévere) e outro en desenvolvemento (Corpo aberto, película de Ángeles Huerta que adapta un relato de terror de Xosé Luís Méndez Ferrín). No caso de Vaca Films, a pasada fin de semana tivo a oportunidade de ofrecerlles aos asistentes ao EFM varios pases do seu thriller Feedback, ópera prima de Pedro C. Alonso, que terá a súa estrea o 1 de marzo. 

Outras das propostas galegas arredor das que se traballa estes días en Berlín son Aura 1964, o novo e máis persoal proxecto de Ignacio Vilar con Vía Láctea Filmes, e Tempo vertical, de Lois Patiño e produción de Zeitun Films, produtora esta última que tamén mostrará a curta Tshweesh, de Feyrouz Serhal, na Robert Bosch Film Prixe Ceremony dentro da sección Berlinale Talents. 

No caso de Numax Distribución, o seu principal obxectivo en Berlín é incorporar novos filmes ao seu catálogo, ademais de contar na sección competitiva Forum da Berlinale cun dos seus filmes en circulación: A portuguesa, de Rita Azevedo Gomes. 

Filmes subvencionados pola Xunta

Moitos dos devanditos títulos, como Aura 1964, Tempo vertical, ¿Qué hicimos mal?, Feedback, A media voz, Welcome to ma maison, Mr. Stevens ou Corpo aberto, contaron con apoio económico da Agadic ben a través da convocatoria de subvencións a produción, ben da de desenvolvemento de proxectos.

 É tamén o caso de Elisa y Marcela, o filme co que a realizadora Isabel Coixet opta ao Oso de Ouro. Zenit TV foi a adxudicataria dunha das axudas da Agadic para a produción deste filme, que conta a historia das dúas galegas que a primeiros do século XX protagonizaron a que está considerada como primeira voda homosexual de España. Rodada en varias localizacións de Galicia e cunha destacada participación galega no equipo, a súa estrea mundial celebrarase este mércores 13 na Berlinale Palast. 

As empresas galegas contan no EFM cun espazo propio para as súas xuntanzas de traballo e a difusión das súas producións dentro do pavillón de Cinema from Spain no recinto feiral do Martin-Gropius-Bau. A Agadic forma parte desta plataforma xunto con ICEX España Exportación e Inversiones, o Instituto Nacional da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) e outras entidades e organismos autonómicos. Desde este espazo achégaselle tamén aos axentes de vendas internacionais a nova edición para 2019 do catálogo Films from Galicia, unha escolma de 43 producións e proxectos de longametraxes de ficción, animación e documentais, ademais de películas, series e formatos de televisión, así como o de Shorts from Galicia, dedicado ás curtas.