Cluster Audiovisual Galego

As empresas do Clúster Audiovisual optan a 22 galardóns nos XVII Premios Mestre Mateo, que deron a coñecer a lista dos finalistas

07-02-2019

Con máis de corenta candidaturas os socios do Clúster Audiovisual Galego optan a 22 das 25 categorías dos XVII Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual, que se entregarán nunha gala o vindeiro 2 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña. “A sombra da lei” e “Trote” foron as producións máis votadas entre as 167 que se presentaron a esta nova edición dos premios do audiovisual galego, acaparando 15 candidaturas cada unha. A continuación sitúanse a serie “O sabor das margaridas” con 8, a longametraxe “Contou Rosalía” con 7, e o programa “Land Rober Tunai Show” e o documental “Versogramas” con 4 cada unha.

“A sombra da lei” opta a facerse co galardón á mellor longametraxe, mellor dirección para Dani de la Torre e todas as categorías profesionais ás que optaba -dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, guión, maquillaxe e perruquería, montaxe, son, música orixinal e vestiario-. Tamén compiten Michelle Jenner e Luis Tosar pola mellor interpretación protagonista e Adriana Torrebejano e Ernesto Alterio polas de reparto.

“Trote”, da socia Frida Films, pola súa banda, opta a 15 candidaturas en 13 categorías diferentes. Entre elas atópanse a de mellor longametraxe ou mellor dirección e mellor guión para Xacio Baño, que comparte esta última con Diego Ameixeiras. Alén disto, tamén dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, maquillaxe e perruquería, montaxe, son, vestiario e 5 candidaturas nas interpretativas: reparto para Melania Cruz, Tamara Canosa e Celso Bugallo e protagonistas para María Vázquez e Fede Pérez.

Os intérpretes Nieves Rodríguez e Adrián Díez deron a coñecer a mañá do xoves 7 de xaneiro as nominacións que optan aos premios da Academia. A gala de entrega de galardóns  estará dirixida este ano pola guionista, actriz e directora Sonia Méndez.

Consulta aquí a lista dos Finalistas dos XVII Premios Mestre Mateo