Cluster Audiovisual Galego

Boa acollida e avances no proxecto AudienceLab Big Data do Clúster Audiovisual Galego

22-01-2019

O Clúster Audiovisual Galego avanza no desenvolvemento do proxecto AudienceLab Big Data para a creación dun piloto que permita medir o consumo audiovisual dos mozos nas novas plataformas. Este proxecto céntrase tanto na implantación dunha solución tecnolóxica que permita recompilar datos de consumo audiovisual nas novas plataformas de definición de contido audiovisual, como na adquisición de información de alto nivel que posibilite segmentar e definir patróns de consumo dos mozos.

O proxecto ten como obxectivo dar a coñecer o consumo audiovisual dos mozos, de entre 6 e 18 anos, no emprego das novas tecnoloxías como son as redes sociais ou as plataformas de distribución onDemand, e como revolucionou o uso dos teléfonos móbiles intelixentes e as tabletas o consumo audiovisual.

O Clúster promove este proxecto, que conta con financiamento do programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, e no que tamén participan o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as empresas Adivina Producciones, Cinfo, Congo Producciones,  CRTVG e Ficción Producciones. Cómpre sinalar que o grande interese suscitado por parte de todos os participantes neste proxecto fai que xa se estea valorando a súa continuidade e amplialo a máis empresas.

AudienceLab Big Data trata de capturar, xestionar grandes volumes de datos (BigData) de consumo audiovisual para posteriormente identificar as rutinas diarias de consumo a través de técnicas de BigData Analitics. Ademais, o sistema proposto permitirá realizar un perfil sociolóxico de consumo televisivo nos mozos en todas as plataformas e deste modo poder establecer as pautas de comportamento audiovisual.

Para elo desenvolverase unha nova solución tecnolóxica que permita a medición dos patróns de consumo dos mozos nas novas tecnoloxías. Esta ferramenta será de grande utilidade para o sector audiovisual, ofrecendo un sistema de medición non dispoñible ata o momento e buscando un efecto demostrador para o mesmo.

Ademais, esta iniciativa mellorará as capacidades de innovación das empresas participantes xa que o produto proposto no só mellora a súa capacidade inmediata de responder ao mercado, senón que as sitúa ademais nun primeiro chanzo para abordar un ambicioso programa de dixitalización dos procesos sectoriais.