Cluster Audiovisual Galego

Gaitafilmes organizou unha nova edición do festival M de Cine

11-01-2019

A socia Gaitafilmes, coa colaboración do Concello de Meira, encargouse da organización os días 29 e 30 de decembro dunha nova edición de M de Cine, un festival co que pretenden “estar atentos ao que pasa e á xente nova que empeza, así como programar algunha curtametraxe importante”, segundo os promotores.

Ó igual que o ano pasado, o evento forma parte dun amplo programa de actividades que coordina a asociación Eme de Meira en homenaxe a Xose da Flor, falecido o ano pasado, e que incluíu, o venres 28, un monólogo de Carlos Blanco e Quico Cadaval.

O festival M de Cine daba comezo o sábado 29 ás 20:00 coa proxección das curtas da sección competitiva M de Cine. A sección oficial do festival estivo formada polos seguintes títulos: “La madrina” de Pedro Sancho, “Bostezó el perro y casi se traga mi drama” de Noemi Parga, “Maullidos de látex” de Brian Rodríguez, “Sendeiro” de Lucía Estévez, “Mouras” de  
Olga Osorio  e “The Widow” de Noelia Muiño.

O xurado da sección oficial estivo formado polo director e realizador Aser Álvarez, o actor e humorista Carlos Blanco e a actriz e directora Sonia Méndez. Nesta  edición presentáronse máis de 40 curtas a concurso.

Non faltaron tampouco os tradicionais “tests meiregos”, con divertidas preguntas aos veciños e veciñas da vila, tapeo gratis e festa  amenizada por Dj Leivas.

O domingo 30 ás 18:00 a xornada comezaba coa homenaxe ó proxeccionista meirego Benjamín Jartín, coa presenza do produtor e guionista lucense Pepe Coira. Seguidamente tivo lugar a proxección da sección non competitiva de curtas “Cinema con M”, que incluíu os títulos “Selfpain” de Fernando Tato, “Mariñeiro” de Juan Galiñanes, “Feminazi” de Diana López, “Limbo” de Dani Viqueira, “Miñoca” de Iago de Sant e “O que precede á caída é branco” de Aldara  Pagán.

A cita co cinema galego rematou coa proxección do filme “Trote” do  director Xacio Baño e producido pola socia Frida Films.