Cluster Audiovisual Galego

Felipe VI preside o primeiro voo de Dron 5G realizado pola compañía galega Aeromedia UAV

26-02-2019

A empresa galega socia do Clúster Audiovisual Aeromedia UAV foi a encargada de integrar nun dron a tecnoloxía de Orange, Samsung e Cisco para ter control a través da rede 5G dos seus drons en calquera lugar do mundo. Durante o Mobile World Congress, que se desenvolve esta semana en Barcelona, presentouse desde o stand de Orange un dron de Aeromedia ubicado a quilómetros a través da tecnoloxía 5G, recibindo á súa vez as imaxes captadas con cero segundos de latencia. O acto foi presidido pola súa Maxestade o Rei Felipe VI acompañado polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez.  Estes voos demóstrannos o avanzado da tecnoloxía 5G e das posibilidades que se abren relacionadas coa mobilidade, seguridade e o IOT: internet das cousas.

Aeromedia é unha compañía de servizos con drons cun alto compoñente de I+D+I, ligada ao polo tecnolóxico de Rozas a través da Civil Uavs Iniciative onde participa como subcontratista de Indra e traballando en proxectos de aplicación de drons para a medición da calidade das augas, ordenación do territorio, topografía, etc.

Dentro da súa política de I+D+I está tamén presente en proxectos de innovación a través da Axencia Galega de Innovación e CDTI.

Está presente no sector industrial realizando traballos de inspección e medidas con LIDAR en alta tensión, aeroxeradores, torres de telecomunicacións e grandes infraestruturas liñais.

No ámbito audiovisual é referente nacional en series de ficción para os principais emisores e operadores de VOD, spots publicitarios e películas cinematográficas como a recentemente gañadora do Goya á mellor dirección de Fotografía “La sombra de la ley”.